A tornaría sempre foi un oficio de ampla raizame na tradición artesán de Galicia moi ligado as características da sociedade galega e as súas necesidades cotiáns, producindo pezas utilitarias (formas para o queixo, cachos para o viño, nateiras, pratos, cuncas para o pan, friameiras …) e servindo de complemento a outros oficios (ferreiros, carpinteiros, ebanistas, carpinteiros de ribeira,…) que no seu momento perdeu importancia diante das novas formas de consumo social e a aparición de novos materiais…

Hoxe, torneiros e torneiras, tentan adaptarse os tempos mesturando as técnicas autóctonas con outras importadas sen esquecer que as achegas de outros oficios amplían as posibilidades creativas e enriquecen a identidade propia das pezas resultantes.

Os Encontros Internacionais de Torneiros da Madeira en Galicia, nacidos nunha conversa entre Fernando Verez Tojeiro e Vicente Ledo Roca, constitúen unha referencia no sector e celébranse dende o ano 2001 no Concello de Xermade (Lugo), que se converte nun lugar de reunión, intercambio e aprendizaxe o servizo de tódolos interesados do sector. Esta actividade está avalada pola participación de algúns dos mellores profesionais mundiais que imparten a seus coñecementos en obradoiros e charlas perante os días que dura o evento.