A Aldea Artesán de A Fraga é un proxecto integral onde se une o turismo rural coa artesanía.

Estamos en Xermade, Concello que pertence a comarca da Terra Chá, provincia de Lugo, onde o clima, vexetación, flora e fauna constitúen un conxunto privilexiado que foi recoñecido pola Comisión Europea como Lugar de Interese Comunitario dentro do Programa Life-Natureza 2000 e pola UNESCO coma Reserva da Biosfera dende o ano 2002.

Baixo a dirección do arquitecto Felix Gordillo natureza e arquitectura achéganse en harmonía, para ofrecer os viaxeiros uns espazos coidadosamente rehabilitados que teñen como protagonistas a pedra e a madeira: -dúas edificacións tradicionais coidadosamente rehabilitadas para casa de turismo rural (inscrita no Rexistro Turístico TR.LU-87), unha delas dispón de 10 cuartos dobres con baño e a outra, unha antiga palleira, recuperouse para acubillar un comedor e unha taberna; -edifico de nova construción onde se atopa un obradoiro totalmente equipado para traballala madeira (inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia co nº 248).

Dentro da nosa oferta, incluímos a posibilidade de que os nosos clientes podan descubrilos oficios artesanais que exercemos, deseñando paquetes turísticos feitos a medida que inclúen cursos monográficos de restauración de móbeis, carpintaría básica e torneado creativo da madeira impartidos por mestres de prestixio.

Adaptámonos a tódolos niveis de coñecemento e intereses dos participantes, ensinando a valoralos traballos e a coñecelas ferramentas, materiais e técnicas precisas.